Antonio López Ferreiro / O Castelo de Pambre
Edición, introdución e notas de Aurora Marco. Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1981.
Edición crítica da máis coñecida das novelas de López Ferreiro. Conta cunha introdución sobre o autor, especialmente en canto escritor en galego, unha análise sobre a obra e un estudo sobre as particularidades da lingua da novela, que se completan nas numerosas notas a pé de páxina.
Ramón Otero Pedrayo / Prosa miúda
Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1988
Compilación de 123 artigos dispersos de Otero Pedrayo (1927-1934), que teñen o interese que caracteriza toda a obra do ilustre ourensán, ao que se engade o feito de seren descoñecidos na práctica, por non estaren incluidos en anteriores colectáneas. Aos textos precede un prólogo introdutorio sobre o labor xornalístico de Otero e sobre os textos reunidos.
O teatro de Xesus Rodríguez López, Estudo e textos
Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1988.
Reedición da obra O Chufón (1916), comedia de costumes galegos, e edición da peza inédita en galego, aínda que o título está en castelán: El Socialista. Estudo literario das dúas pezas, da linguaxe teatral do autor e do galego no teatro de Rodríguez López.
Literatura Galega. Séculos Escuros e Rexurdimento
Editorial Via Láctea, A Coruña, 1988 (en colaboración con Xosé Mª. Dobarro, Ramón Freixeiro, Carlos P. Martínez Pereiro e Xosé I. Pérez Pascual).
Libro de materiais para o ensino da literatura galega dos Séculos Escuros e Rexurdimento (XVI ao XIX). Contén unha antoloxía de textos, seleccionados con base en dous criterios: un de carácter estético literario e outro cronolóxico-didáctico, acompañados de suxerencias de comentario.
Ramón Otero Pedrayo / Teatro Ignorado
Edizón e estudo de Aurora Marco, Editorial Laiovento, Santiago, 1991
Edítanse neste volumen 41 textos teatrais de Otero Pedrayo, o grande renovador do teatro galego, que estaban espallados polas páxinas de xornais. O extenso estudo crítico que precede os textos, inclúe unha análise do teatro na Xerazón Nós e da estética oteriana e un pormenorizado estudo dos textos recompilados.
Foula e Ronsel. Os anos xuvenis de Carvalho Calero
Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1992 (Premio Ánxel Fole de Ensaio Literario)
Ensaio biográfico sobre a etapa menos coñecida de Carvalho Calero que abranxe desde o nacimento (1910) até a saída do cárcere (1941), cando comeza para o ferrolán unha nova vida. O libro incorpora datos rigorosamente inéditos, documentos, cartas e material gráfico –procedentes do arquivo familiar e nunca reproducidos–, fundamentais para coñecer este período da vida do polígrafo galego.
Tomás Barros. Fausto, Margarida e Aqueloutro
Estudo e edición bilingüe, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1993
(En colab. con Alfredo Rodríguez López-Vázquez)
Edición bilingüe da peza inédita Fausto, Margarida e Aqueloutro, que culmina a traxectoria do escritor e pintor Tomás Barros, caracterizada polo expresionismo estético e a preocupación moral e humanística. A calidade formal da obra e a súa importancia estética e ideolóxica, convértena nunha obra maior das letras galegas e peninsulares. Nunha detallada introdución abórdase a análise xeral do mito e a xénese e factores de composición da obra en si.
As Precursoras. Achegas para o estudo da escrita feminina (Galiza, 1800-1936)
Editorial La Voz de Galicia, A Coruña, 1993.
O material que aquí se reúne é, no esencial, o que publicou La Voz de Galicia en forma de artigos semanais ao longo do ano 1992: biografías de escritoras galegas descoñecidas, ou ignoradas, do período 1800-1936 que no libro se completan con pequenas mostras da súa produción. Este libro foi a base doutras investigacións que se publicaron con posterioridade.
Lo Femenino y lo Masculino en el Diccionario de la Lengua de la Real Academia Española
Ministerio de Asuntos Sociales, Instituto de la Mujer, 1998. (En colaboración con A. Vargas, E. Lledó, M. Bengoechea, M. Mediavilla, I. Rubio e C. Alarios).
Traballo realizado polas integrantes do grupo NOMBRA (No Omitas Mujeres Busca Representaciones Adecuadas) durante os anos 1997 e 1998, centrado en aspectos que dan título á publicación, que trata de manter aberto o debate, presente na sociedade, sobre a representación da diferenza sexual na linguaxe.
Lecturas de Museo. / Orientaciones sobre la recepción de relaciones entre la lit. y las artes.
Antonio Mendoza (Coord.)
Universitat de Barcelona / Univ. de Santiago, Barcelona, 2000.
Conxunto de orientacións didácticas para estimular, desenvolver e potenciar as habilidades de recepción lectora e estética. Os materiais seleccionados fan referencia ás conexións que mantén a literatura coas artes plásticas. As autoras e autores achegan innovacións para o tratamento didáctico da literatura, de xeito que a formación lectora e receptora sirvan para integrar e comprender o espazo da literatura.
A Escola Normal de Santiago de Compostela
Universidade de Santiago, 2000. (En colaboración con Anxo Porto Ucha).
Esta investigación enmárcase dentro do conxunto de iniciativas en torno á celebración do 150 aniversario da creación da Escola Normal Superior compostelá. Conscientes da importancia das Escolas Normais para o coñecimento das realidades educativas e para a comprensión da evolución do pensamento pedagóxico, a autora e o autor adéntranse na súa intrahistoria, que vai unida á da cidade de Santiago, eixo da vida universitaria que se proxectou en toda Galiza.
Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras
Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 2002.
A primeira parte do libro céntrase na problemática da educación e instrución das mulleres a partir de textos e documentos e complétase cunha nómina de mulleres galegas do mundo da educación. A segunda recupera as historias de vida de tres galegas vocacionais, emprendedoras, renovadoras, cunha traxectoria pedagóxica e vital que non deixa indiferente a ninguén: Concepción Sáiz Otero, Antonia de la Torre Martínez e Antía Cal Vázquez.
Avilés de Taramancos / Un francotirador da fermosura
Editorial Toxosoutos, Noia, A Coruña, 2003.
Extensa biografía autorizada do escritor noiés en que a autora reconstrúe, ao longo de case 400 páxinas, a vida do escritor e tamén do ser humano, coas súas luces e sombras. E faino a partir de valiosas testemuños orais e escritos, de fontes documentais, da correspondencia persoal e do coñecimento que ten a biógrafa da súa vida e obra. O texto enriquécese cunha fotobiografía que ilustra o periplo vital de tan relevante poeta.
Ramiro Paz Carbajal (1891-1936). Unha vida segada pola barbarie
Editorial Toxosoutos, Noia, A Coruña, 2003.
Ao longo das páxinas deste libro, reconstrúese a historia de vida deste impresor pontevedrés, un socialista curtido nas lides societarias que contribuíu a engrandecer a organización obreira local pontevedresa. O volume contén un apéndice documental, con importantes achegas que axudan a entender mellor o pensamento de Paz Carbajal, con testemuños orais e escritos de indubitábel valor, e cunha fotobiografía desde o nacimento aos días anteriores ao fusilamento.
Áurea Lorenzo Abeijón. Queixas
Edición e introdución de Aurora Marco, Editorial Toxosoutos, Noia, A Coruña, 2004.
Edición do poemario desta escritora emigrada a Arxentina na década de 1920, Queixas, publicado na diiáspora en 1943, que contribúe ao coñecimento da autora e da escrita femenina. Vida e obra, cartas e documentos gráficos de Lorenzo Abeijón, a primeira muller que publica en galego na posguerra, contribúen a visibilizar o seu contributo dentro do panorama da literatura galega.
Dicionario de mulleres galegas. Das orixes a 1975
A Nosa Terra, Vigo, 2007
Abranxe desde as orixes, desde os datos máis antigos que se coñecen sobre mulleres, até 1975. Obra feita cunha intención globalizadora onde se catalogan perto de 2000 entradas, ás que hai que engadir trece apéndices temáticos con centos de nomes doutras mulleres. Ilustrada con abundante material gráfico que contribúe a pór rostro a moitas galegas. Obra pioneira en Galiza.
Mulleres na guerrilla antifranquista galega
Editorial Laiovento, Santiago, 2011.
Coa represión, que se xeneralizou coa vitoria dos sublevados en 1939, centos de mulleres comprometidas coa guerrilla antifranquista foron asasinadas, encarceradas, torturadas, violadas, recluídas en campos de concentración; tiveron que partir cara ao exilio nunha viaxe, para algunhas, sen volta ou viviron un exilio interior. A súa é a crónica das silenciadas, porque foron obxecto dunha dupla falta de memoria: por seren desafectas ao novo réxime e pola súa condición feminina.
Teresa Alvajar López / Memorias dunha republicana.
Edición, tradución, introdución e notas de A. Marco.
Edicións Laiovento, Santiago de Comp., 2012.
Recupérase neste libro máis unha voz da memoria democrática, unha voz necesaria que achega momentos transcendentais (República) e períodos verdadeiramente traumáticos (guerra e franquismo) da nosa historia. Un relato que vén enriquecer o conxunto de textos memorialísticos de autoría feminina publicados nos últimos anos. Unha historia de desarraigo violento, duro, adobiado de estrañeza, soidade, incertexa e penurias na procura da supervivencia.
ELAS
A Xanela Editorial, Arteixo-A Coruña, 2015.
Elas é unha compilación de biografías (410), que permite ter unha visión do papel determinante que tiveron as mulleres galegas na sociedade do seu tempo. Desde a audaciosa viaxeira Exeria, que no século IV peregrinou a Terra Santa e relatou a viaxe en Itinerarium, até Lola de Penelas, oleira de Gundivós que morreu en 1968, hai un longo percorrido protagonizado por galegas que realizaron un importante labor no desenvolvemento social e económico, científico e político. O libro está ilustrado por oito pintoras galegas.
De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social
Museo de Pontevedra, 2017.
Recupérase neste volume a vida e a obra de María Vinyals, nacida no castelo de Soutomaior, que non deixa indiferente a ninguén. Ensaísta, narradora, prolífica publicista, oradora, empresaria, foi unha adiantada ao seu tempo que concedeu grande importancia á educación feminina e puxo en marcha, no albor do século XX, un centro de cultura popular para mulleres con escasos recursos. Aberta sempre ao progreso e ás causas humanitarias, consagrou a maior parte da súa vida á defensa dos dereitos femininos e ao activismo social. Foi a voz, a teoría e a acción do feminismo precursor.
Irmandiñas
Laiovento, 2020.
A través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos, fundacións, a través de fontes orais, a autora de Irmandiñas investigou o período 1916-1936 e puido confirmar documentalmente que na acción social, cultural e política, tamén estaban as mulleres, mais cubertas cun mantelo tan opaco que apenas deixou pasar unha raiola de luz sobre as súas vidas e accións. Ao longo de catorce capítulos recupéranse numerosas biografías de mulleres que foron conscientes do papel que xogaban no proceso de construción do país, na defensa da súa lingua e cultura, das súas tradicións, na prosperidade colectiva, na angueira política e na paz social.
Foula e ronsel. Os anos que marcaron a biografía de Carvalho Calero (1910-1941)Laiovento, 2020.
Reedición revisada e acrescentada do libro publicado en 1992, que obtivera o VI Premio Literario Ánxel Fole. Abranxe un período crucial do polígrafo ferrolán (1910-1941), determinante para entender o Carvalho posterior, que o marcou no persoal, no profesional e no ideolóxico, coa ditadura de Primo de Rivera, a República e a guerra (in)civil como pano de fondo. As formulacións galeguistas, a escrita, a metodoloxía da obra investigadora, o polifacetismo enciclopédico, a actividade cultural do ferrolán teñen a súa orixe no tempo que antecede ao período bélico, etapa que conformou este libro.
Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos
Albarellos, 2023.
Entre as poucas mulleres que ingresaron no Seminario de Estudos Galegos, cuxo centenario se celebra este ano, a primeira admitida naquela entidade científica, a poucos días de se constituír, foi unha cesureña que percorreu case todo o século XX (Pontecesures, 1906-Caracas, 1996), estudou Filosofía e Letras en Compostela, obtivo unha cátedra de Literatura Española e exerceu en varios centros de ensino medio fóra de Galiza. Tras a sublevación militar, rexentou co seu home unha granxa en Cortinallas (Pontecesures) e, tras ser detida polo súa militancia política e compromiso antifranquista, estivo tres anos encarcerada en Ventas. A comezos dos anos 50 exiliouse en Venezuela.